O PSOE de Coristanco denuncia que o Concello «perde aos bombeiros forestais pola deixadez do alcalde»

2 minutes read

Así o afirmou o voceiro socialista local José Manuel Pérez Abelenda, que engadiu que «esta decisión por parte do PP pon en risco tanto o patrimonio natural como a tranquilidade dos veciños e veciñas de Coristanco». 

«Non loitar pola continuidade dos bombeiros forestais en Coristanto supón un grave retroceso para a protección de medioambiente e a seguridade dos nosos montes», subliña o portavoz socialista. 

Pérez Abelenda explica que a Brigada Forestal, formada por profesionais con experiencia en prevención de incendios, mantemento de camiños y protección de masas forestais, levaba anos destinada no Concello e desempeñando un papel clave na conservación do entorno natural do municipio. 

«A súa marcha, provocada en parte pola falta de compromiso do equipo de goberno actual, deixa á veciñanza máis exposta fronte aos riscos medioambientais que cada verán estamos a ver», lamenta o socialista. 

«É incomprensible que o alcalde permita que se perda un recurso tan valioso, especialmente nun contexto de emerxencia climática como o vivido este ano e con veráns cada vez máis duros en materia de incendios forestais», apunta Pérez Abelenda. 

Para o socialista coristanqués, a desaparición deste servizo «non só debilita a capacidade do municipio para afrontar con eficacia a ameaza dos incendios, senón que tamén transmite unha imaxe de falta de compromiso por parte da grupo de goberno». 

«A falta de vontade política para asegurar a continuidade da Brigada Forestal en Coristanco non só supón un despilfarro do coñecemento e o traballo acumulado pola brigada durante anos, senón tamén unha irresponsabilidade que repercutirá na seguridade da veciñanza e na protección da contorna», critica. 

«Exiximos ao alcalde que dea explicacións públicas sobre por que se permitiu que a brigada forestal abandonara Coristanco, a ciudadanía merece respostas e, sobre todo, un equipo de goberno que traballe polos veciños e veciñas», conclúe o voceiro socialista.