O PSOE de Coristanco propón ceder terreos para crear unha base de bombeiros forestais no municipio 

O Grupo Municipal Socialista de Coristanco presenta unha moción no pleno para que o goberno local ceda un terreo municipal coa finalidade de que a Xunta de Galicia poida construír nel unha base para os bombeiros forestais, que recentemente abandonaron a localidade. 

Dende o PSOE local consideran que o traslado da base ao concello veciño de Carballo supón unha perda moi importante para Coristanco, xa que a Unidade levaba anos asentada no municipio. Isto, sinalan, aportaba seguridade e permitíado mantemento de camiños e a protección das masas forestais. 

«Non podemos permitir que Coristanco quede sen un servizo esencial como é unha base de bombeiros forestais, que garante unha resposta rápida ante incendios e que ademais supón creación de emprego e dinamización local», sinalou o voceiro socialista local, José Manuel Pérez Abelenda. 

A iniciativa insta á Xunta de Galicia a asumir o compromiso da construción e posta en marcha desta base no menor prazo posible, ao tempo que solicita a colaboración do goberno municipal para poñer á disposición da administración autonómica un terreo de titularidade pública coas características axeitadas. 

«O noso concello ten unha extensa superficie forestal e agrícola, polo que resulta imprescindible recuperar este servizo para protexer o noso patrimonio natural e garantir a seguridade da veciñanza», subliña Pérez Abelenda. 

Related posts

O Concello da Laracha adxudica dous proxectos de mellora da rede viaria que suman 183.000 euros

Carballo | A programación de Apego arrinca coincidindo coa Semana da Mobilidade

Vimianzo dálle unha activa benvida ao curso escolar 2025-2026