O PSOE de Coristanco sinala que a modificación extraordinaria de crédito “evidencia a falta de planificación do Concello”

2 minutes read

O Grupo Municipal Socialista de Coristanco denuncia que a recente modificación de crédito aprobada no municipio “evidencia a falta de planificación do Concello e dunha xestión eficaz dos recursos públicos”.

“Resulta chamativo que entre as actuacións incluídas se presenten como novidades proxectos que xa estaban redactados e aprobados hai varios anos, concretamente no 2022, limítanse a pouco máis que reutilizar proxectos xa existentes”, afirma o voceiro socialista local José Manuel Pérez Abelenda.

É o caso da implantación de dous parques infantís, unhas actuacións cuxos proxectos foron elaborados no ano 2022. “En lugar de explicar por que permaneceron sen executarse durante todo este tempo, o goberno municipal incorpóraos agora a unha modificación de crédito coma se se tratase de novas actuacións, cando en realidade son proxectos xa existentes”, afirma Abelenda.

Para o socialista, “aínda é máis preocupante a decisión de destinar 7.500 euros á redacción dun novo proxecto para a reurbanización de Oca”. “Cómpre lembrar que este proxecto xa fora unha proposta presentada polo PSOE no 2021, redactado e aprobado no ano 2022 co voto favorable da Coorporación Municipal, cun custo de 4.700 euros para as arcas municipais, e que ademais estaba incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos da Deputación”, engade.

“A pregunta é evidente, a de que ocorreu co proxecto xa aprobado e pagado polo Concello”, formula Pérez Abelenda; “Se existía un proxecto tecnicamente válido, aprobado tamén favorablemente polo Alcalde no seu momento, non se entende que agora se destinen novamente fondos públicos para redactar outro, incrementando ademais o custo ata os 7.500 euros”, apunta.

Para o portavoz socialista en Coristanco, “esta maneira de xestionar os recursos públicos xera serias dúbidas sobre a planificación do goberno municipal e supón un gasto dificilmente xustificable, a veciñanza ten dereito a coñecer por que se volven investir recursos en actuacións que xa estaban proxectadas e sufragadas con diñeiro público”.

“Dende o Grupo Municiapal Socialista, consideramos que a prioridade debe ser executar os investimentos comprometidos, optimizar os recursos municipais e evitar duplicidades que únicamente incrementan o gasto”, conclúe.