O PSOE de Malpica denuncia que o Centro de Día de Buño continúa pechado tras tres anos cas obras rematadas

Segundo o representante do PSOE-PSdeG, Walter Pardo, “xa pasou o ano 2023, xa pasou o ano 2024 e na xuntanza de maiores de 2025 o señor Alcalde volvía dicir que intentaría abrilo en setembro”. Pardo asegura que, chegado o mes, “o centro de día seguía sen abrir”.

Durante o pleno ordinario de setembro, os socialistas preguntaron de novo pola data de apertura deste recurso asistencial. Segundo explica Pardo, o alcalde contestou que “acababa de recibir os pregos de contratación para poder licitar o servizo e abrir o centro de día”.

O PSOE-PSdeG cuestiona, a partir desa resposta, a xestión realizada durante este tempo, “daquela, que nos estivo dicindo todos estes anos? Que ía abrir un centro de día sen o papeleo e os trámites oportunos para poder facelo?”, manifestou o voceiro municipal.

Pardo subliña que o Concello ten “plenas competencias e poderes” sobre o centro desde que se entregou a obra, en febreiro de 2022, e critica que a instalación continúe pechada máis de tres anos despois. Nas súas palabras, “isto demostra a incapacidade do goberno municipal do PP de Malpica de sacar as cousas adiante”.

Related posts

O PSOE de Muxía denunciará algunhas decisións do Goberno local ante a Valedora do Pobo

O Concello da Laracha impulsa unha nova campaña de apoio ao comercio local

Pedro Sánchez considera «indecente» que Feijóo e Abascal sigan sostendo a Mazón