Dende o PSOE local afirman que os veciños da parroquia de Arcos, no concello de Mazaricos, sofren tradicionalmente cortes de recepción da televisión e do teléfono móbil. As características orográficas deste territorio non facilitan a transmisión das sinais destes aparatos, imprescindibles por outra banda para gozar da mesma calidade de vida que as demais parroquias do concello ou de Galicia.
Esta pasada semana, os veciños queixáronse de cortes na televisión durante catro días e outros dous días de desconexión co mundo a través da telefonía móbil e Internet. Segundo comunicaron os veciños ao portavoz socialista, Francisco Javier González Trillo, “a queixa ante o concello da veciñanza non foi escoitada, senón máis ben tratada con desleixo, alegando que non era competencia municipal”.
González Trillo afea a postura do concello e recrimina a quen o dirixe esta desatención cara a veciñanza “escudándose en que non é tema seu”. O socialista advirte a Xoán Blanco que “aínda que haxa cuestións que non son competencia municipal, o rexedor debe consideralas da súa incumbencia e buscarlles solución”.
González Trillo afirmou que “o PSdeG de Mazaricos porase en contacto coa veciñanza de Arcos e apoiaraos en procurar unha solución a este vello problema e procurará elevar a queixa nas instancias administrativas pertinentes, a través, por exemplo do seu grupo parlamentario”.