O PSOE de Muxía critica que a edila non adscrita, Irma García, siga cobrando sen estar no Goberno

1 minutes read

O Partido Socialista de Muxía emitiu un comunicado para mostrar a súa total desconformidade ante a situación que leva a Irma García, ex-concelleira do grupo de goberno e que xa renunciou a formar parte do mesmo de maneira voluntaria, a que siga cobrando un soldo público das arcas municipais.

Desde o PSOE muxián afirman que se trata de «un feito insólito e condenamos a actitude da edil que agora se conforma como concelleira non adscrita, e consideramos isto como unha actitude indigna para o pobo de Muxía e todos os seus cidadáns e cidadás». «Hai documentación pública que demostra que a súa renuncia foi voluntaria, e que en ningún momento a dirección socialista estableciu mecanismos para obrigala, nin a ela nin aos seus compañeiros, a abandonar o PSOE de Muxía de maneira forzosa. Podemos afirmar taxantemente que foron eles, por propia vontade, os que renunciaron á súa acta de concelleiros socialistas e formar parte así do grupo de goberno» afirman.

Finalizan o comunicado dicindo que «con esta actitude inmobilista, cobrando 24.000 euros anuais, queda absolutamente en evidencia que os seus intereses non son en absoluto os do pobo de Muxía».