- O goberno local busca mellorar a promoción turística a través dunha serie de subvencións nominativas
O Concello de Muxía apoiará o proxecto de catro agrupacións locais con diversas subvencións nominativas. Ditas axudas, que serán levadas a pleno polo equipo de goberno a vindeira semana, buscarán velar polo «interese xeral de Muxía», destacan desde a executiva local.
Entre todas as partidas destaca a que respaldará á Asociación de Turismo – Muxía Natural cun total de 10.000 euros, aumentando en 4.000 euros as axudas que viña recibindo esta entidade nos últimos anos. Outra das bolsas de axuda será a que reciba a Asociación Profesional Percebe de A Barca para a creación da marca ‘Percebe de A Barca’. Dita proposta levarase a cabo en consonancia con todos os grupos políticos da corporación e irá vinculada a unha axuda do Grupo de Acción Costera (GAC).
A Asociación ASPADEX tamén será outra das beneficiadas para que poida seguir co co transporte de usuarios de Muxía que padecen algún tipo de discapacidade. No mesmo orde, o Club de Fútbol de Muxía tamén percibirá unha subvención para facer fronte á tempada e seguir inculcando o deporte no Concello.
O alcalde de Muxía, Iago Toba, destacou que “este conxunto de axudas velan polo interese xeral do noso municipio e servirá de apoio fundamental para que estas asociacións poidan seguir adiante cos seus proxectos que melloran a vida de todos”.
Unión á asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía
Por outra banda, o goberno local tamén levará ao pleno os orzamentos destinados a prever o gasto de inclusión na asociación, de recente creación, que promocionará a senda Fisterra-Muxía do Camiño de Santiago. Esta partida sumará un total 2.000 euros, que é o custo da cuota de unión a dita agrupación. Toba considera “fundamental» formar parte desta asociación xa que actuará como elemento vertebrador dos municipios da contorna e «ofrecerá múltiples vantaxes a nivel económico, organizativo e social”.