O PSOE defende a amnistía como a ‘política da esperanza’ e Feijóo farase forte no Senado

O voceiro do PSOE no Congreso, Patxi López, defendeu que a amnistía se trata dunha medida «excepcional», pero «non inconstitucional». «A propia Constitución nace dunha amnistía», afirmou este martes no pleno do Congreso, onde os partidos debateron a toma en consideración da lei presentada polo Grupo Socialista.

O dirixente socialista interveu na Cámara Baixa para facer unha alegación en favor dunha medida de graza fronte ás críticas vertidas desde o PP. Así, López referiuse á amnistía como «unha forma de esperanza» para devolver «a convivencia» e a «concordia» en Cataluña e defendeu a súa legalidade. «Sei que son tempos distintos, pero a amnistía alumou a democracia, non podemos dicir que a Constitución prohibiría hoxe a amnistía e a Transición», subliñou, en referencia ao perdón concedido en 1977.

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, asumiu en primeira persoa a defensa do ‘non’ do seu partido á admisión a trámite da lei de amnistía, contra a que dixo que mobilizarán todos os recursos ao seu alcance e en “todas as instancias”, españolas e “internacionais”. Feijóo asegurou que o seu partido abrirá unha comisión de investigación no Senado, onde o PP ten maioría absoluta, “e non a pecharemos ata saber todo o que están a negociar” cos partidos independentistas.

O voceiro de Esquerra Republicana, Gabriel Rufián, preguntou á bancada socialista se están preparados para unha consulta sobre a independencia de Catalunya. “Estamos preparados e preparadas para gañar ou perder un referendo. E vostedes? Dígoo porque hai catro anos un pleno como este era imposible. Que pasará dentro de catro anos?”, cuestionouse o deputado catalán.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha