O voceiro municipal José Manuel Pérez Abelenda presentou unha queixa formal ante a Valedora do Pobo por suposta vulneración do seu dereito de acceso á información pública por parte do Concello de Coristanco, ao non recibir resposta á documentación solicitada no prazo legalmente establecido.
O escrito remitido á institución autonómica relata os feitos, ocurridos dende que o voceiro socialista, Pérez Abelenda solicitou, vía rexistro, documentación referente ao pozo de auga construido polo Goberno Municipal no CEIP Canosa-Rus.
Xunto á queixa presentada, achegouse copia da solicitude orixinal, do xustificante de rexistro e da documentación que o Concello puxo a disposición do voceiro socialista, que “para nada ten que ver con solicitado”, indica Pérez Abelenda.
No seu escrito, Pérez Abelenda solicitou a intervención da Valedora do Pobo para garantir que se lle entregue a documentación requirida e para que se adopten medidas que aseguren o cumprimento das obrigas de transparencia por parte da administración local.
A Valedora do Pobo, confirmou a recepción, admitindo a queixa do socialista o 22 de xaneiro e abrindo o correspondente expediente.
O voceiro municipal José Manuel Pérez Abelenda expresou o seu profundo malestar pola obriga de ter que recorrer á Valedora do Pobo para reclamar documentación que, segundo afirma, o Concello de Coristanco debería ter facilitado: “É unha situación que non debera producirse en ningunha administración pública”, sinala, destacando que acceder á información é un dereito recoñecido e que as entidades locais teñen a obriga de garantir procedementos transparentes e un funcionamento institucional rigoroso.