O PSOE fixa o 29 de outubro as primarias para elixir candidato á Xunta

1 minutes read

A Executiva Federal do PSOE fixou o domingo 29 de outubro para celebrar primarias para elixir o candidato socialista á presidencia da Xunta, un proceso no que confirmaron a súa participación o deputado e exdelegado do Goberno en Galicia José Ramón Gómez Besteiro e o exsecretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. Fontes socialsitas confirmaron a data para as primarias, que foran convocadas para o 17 de setembro pero foron aprazadas á espera de novidades sobre o proceso de investidura e a formación de Goberno.

Besteiro, que está a adquirir un papel relevante nesta lexislatura, forma parte da comisión de sete persoas designada polo PSOE para negociar a investidura de Pedro Sánchez cos grupos parlamentarios. Besteiro anunciou este luns de forma oficial que concorrerá ás primarias para ser o próximo candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia. Minutos antes de que dese comezo no Parlamento galego o Debate do Estado da Autonomía, Besteiro compareceu ante os medios de comunicación nos corredores da cámara para facer oficial esta decisión, despois de que a Executiva Federal socialista ratificara a convocatoria de primarias.

O socialista dixo que asume esta decisión «con grande orgullo» e «satisfacción», e avanzou que proximamente escenificará «o proxecto de Partido Socialista» que propón, tanto para «satisfacer» os militantes como para enviar «unha mensaxe» a Galicia sobre «a posibilidade de cambio». Ao preguntarlle pola posibilidade de que teña algún rival, Besteiro sinalou que o PSOE é un “partido pioneiro no proceso de primarias”, polo que viven este proceso con “normalidade e naturalidade” para que os militantes poidan “decidir e elixir”. Hai que lembrar que Gonzalo Caballero amosou a súa disposición a participar no proceso, aínda que non fixo aínda a confirmación oficial.