O PSOE inaugura a súa nova sede en Zas ‘coas portas abertas a toda a veciñanza’

3 minutes read

O Concello de Zas conta desde este sábado cunha nova sede do PSdeG-PSOE trala inauguración da Casa do Pobo.

O acto contou coa presenza de Sheila Rial, voceira local do PSdeG-PSOE; Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral provincial, e Valentín Formoso, líder dos socialistas galegos. Ademais, estiveron membros da candidatura ás eleccións autonómicas e representantes do partido na comarca.

Sheila Rial, no seu discurso, resaltou a importancia desta nova sede para os socialistas de Zas: “Para nós, abrir a primeira Casa do Pobo neste concello é un motivo de orgullo, especialmente tras os actos vandálicos que afectaron a outras Casas do Pobo nos meses recentes”. A voceira socialista estendeu unha calorosa invitación a toda a veciñanza, subliñando que a nova sede é un espazo inclusivo e representativo da comunidade: “Aquí cabemos todos e todas”.

Valentín Formoso compartiu a súa satisfacción pola apertura da sede, “xa que sempre é unha gran noticia inaugurar unha Casa do Pobo, e neste caso, a primeira en Zas. Agradezo o impulso e a persistencia de Sheila para facer isto posible. Esta será a casa de todos os veciños e veciñas de Zas, un lugar coas portas abertas para recoller ideas e propostas que impulsen o avance do municipio e da Costa da Morte”. Tamén destacou a intención dos socialistas de fomentar un Zas cheo de oportunidades, especialmente para a mocidade. Pero non esqueceu Formoso aos maiores da vila, “quenes viron xa incrementada a súa pensión desde este mesmo mes”, a pesares do voto en contra do Partido Popular a esta subida.

Pola súa banda, Bernardo Fernández Piñeiro destacou o significado estratéxico da nova sede no contexto político local: “A inauguración desta sede marca o inicio dunha nova etapa que comezamos nas pasadas eleccións municipais en maio. Sheila Rial liderou con compromiso esta agrupación, presentando unha candidatura despois de varias lexislaturas sen representación socialista neste concello. Hoxe é un día de ledicia, pois avanzamos no proxecto de implantación do noso partido nun lugar tan importante para nós e clave dentro da Costa da Morte”.

O secretario provincial destacou o compromiso das persoas que se achegan ao Partido Socialista para incorporarse a esta organización coa única motivación de traballar cos seus veciños e veciñas, o mellor expoñente do que significa este partido para Galicia. “E hoxe por iso queríamos estar aquí, para apoiar aos nosos compañeiros do concello e da agrupación de Zas, pero tamén para mandar unha mensaxe que trascenda desas fronteiras locais, que aquí está o Partido Socialista, que crece e é combativo sempre, como leva estando 140 anos neste país, para modernizalo e para mellorar a vida de todos e de toda a sociedade”, engadiu.

Finalmente, Fernández manifestou a súa confianza nas próximas semanas, expresando a súa convicción de que, tras o 18 de febreiro, José Ramón Gómez Besteiro liderará o cambio en Galicia como presidente da Xunta.

Novas canles

Ademais de abrir a nova sede, os socialistas de Zas poñen a disposición da veciñanza novas canles de información e comunicación coa organización, como unha canle de WhatsApp pola que se difundirá toda a actualidade da agrupación local. A veciñanza poderá ademais contactar coa agrupación por teléfono, correo electrónico, Facebook ou Instagram.

“Queremos animar á veciñanza a que se sume á vida política do noso municipio, militando, colaborando e aportando, e facilitar o acceso á información, ser transparentes e tamén máis cercanos”, remata Sheila Rial.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?