O PSOE insiste na necesidade dun pleno extraordinario para tratar o peche da gasolineira da rúa Poñente de Carballo

1 minutes read

A voceira socialista local María Carmen Vila lamenta que o PP non apoie a súa petición de pleno a pesar de que din pedir unha depuración de responsabilidades pola situación. 

«O pleno extraordinario é o mecanismo para que se dean as explicacións necesarias ante uns feitos tan graves, e que polo tanto se poidan depurar responsabilidades», afirma a socialista. 

«A veciñanza ten dereito a ser informada de xeito transparente, ten dereito a coñecer que erros houbo na tramitación, xa que esta cuestión non só implicará prexuízos para a empresa senón tamén perda de empregos e de fondos municipais», engade. 

María Carmen Vila critica «que o PP e o BNG se poñan de acordo para bloquear a convocatoria de pleno extraordinario, que permitiría arroxar luz sobre un problema de tanto interese público como é este».  

«Non se entende a oposición do PP á nosa reclamación, a transparencia debería ser un eixe fundamental da acción do Concello, e máis cando as consecuencias para as arcas municipais poden ser tan severas», subliña Vila. 

Reclamacións do Grupo Socialista 

A voceira socialista insta ao Goberno local do BNG a «dar explicacións precisas sobre o procedemento seguido, non se poden seguir escudando nos informes técnicos sen aportar máis información». 

Esixe tamén ao Concello que cuantifique a canto poderían ascender as indemnizacións por danos e prexuízos aos empresarios despois de que a autorización da gasolineira fose rexeitada por diversas instancias xudiciais, e como isto afectará aos orzamentos municipais.