O PSOE carballés demanda aseos públicos na Praza do Concello e axudas ao pobo saharaui

1 minutes read
  • Son dúas mocións que rexistrou a formación para o seu debate no próximo pleno.

O grupo do PSdG-PSOE de Carballo rexistrou dúas mocións para o seu debate no vindeiro pleno: unha relativa á instalación duns aseos públicos na Praza do Concello e outra en solidariedade co pobo saharaui.

En canto aos aseos, a formación destaca que xa estaban a disposición dos veciños hai anos aínda que, por diversas circunstancias, «desapareceron ou están sen acceso», afirma a portavoz do grupo, María Carmen Vila Blanco. Asegura, ademais, que son unha demanda actual dos cidadáns para o día a día, pero sobre todo cando se celebran concentracións ou eventos na praza.

Desde o PSOE local piden ao Concello que habilite os vellos aseos ou que elabore un proxecto para outros novos, ademais de estudar a posibilidade de ofrecer este servizo noutros lugares do municipio.

A outra moción fai referencia ao reforzo das actividades de cooperación e humanitarias, en colaboración co tecido asociativo municipal, a favor do pobo saharaui.

Desde a formación socialista instan ás partes do conflito a que traballen na procura dunha solución política aceptable por ámbalas partes e enmarcada nas resolucións das Nacións Unidas. Tamén demandan ao Goberno de España que continúe axudando ao enviado persoal do
secretario xeral de Nacións Unidas para o Sahara Occidental, Staffan de Mistura, no seu labor para alcanzar unha solución mutuamente aceptable no marco de Nacións Unidas.