O PSOE larachés demanda melloras de accesibilidade nas rúas Epifanio Campo e Santa Lucía

1 minutes read
  • Os socialistas rexistraron unha segunda moción para reclamar á Xunta que asuma os custos extra da desinfección e limpeza dos centros educativos

O grupo municipal do PSOE na Laracha levará varias mocións ao próximo pleno. Na primeira delas os socialistas demandan a remodelación da contorna da rúa Epifanio Campo e a rúa Santa Lucía para facelas máis accesibles, habilitando para isto o crédito necesario a través do Plan de Obras e Servicios (POS) da Deputación da Coruña.

«A finalidade desta moción é conseguir unha Laracha accesible para todas e todos, suprimindo cantas barreiras impidan o acceso á vida normalizada de persoas con discapacidade ou con mobilidade reducida», explica a portavoz do PSOE, Paloma Rodríguez Castiñeira, quen ademais destaca que desde a formación política se fan eco das reivindicacións de persoas con problemas de mobilidade que fan uso desas rúas.

Nunha segunda moción, o PSOE tamén pedirá que o concello inste á Xunta de Galicia a que proceda á compensación dos sobrecustos «que as administración locais están a soportar como consecuencia dos gastos de limpeza e desinfección dos centros educativos».

Mapa remodelación da contorna da rúa Epifanio Campo e a rúa Santa Lucía_Cedido