- Este venres celebrarase un pleno ordinario ás 13:00 horas
O PSOE da Laracha levará ao pleno deste venres, que se celebrará na Casa da Cultura a partir das 13:30 horas, unha moción para crear un «grupo de traballo, á maior brevidade posible, con representación de todos os grupos políticos para concorrer ás diferentes convocatorias para o reparto dos fondos europeos Next Generation», destaca a súa voceira, María Palomi Rodríguez Castiñeira.
Os socialistas tamén rexistraron unha moción sobre a ludopatía (especialmente na mocidade), a creación dun rexistro municipal de empresas e autónomos e sobre a inclusión de obras en varias estradas no vindeiro Plan de Obras e Servizos (POS). En concreto as estradas correspóndense coa vía desde Cancelo do Medio ata Vilaño Vello, a da Taberna Nova a Fontefría (Coiro), a que vai desde Quintáns ata As Fervenzas e a do cruzamento de Mirón a Freón.
Entre as preguntas e os rogos atópanse o interese dos socialistas polo número de solicitudes que se presentaron para o acollemento do viveiro de empresas ou sobre as sinais luminosas dos pasos de peóns na Laracha e Paiosaco. Ademais, desde o PSOE solicitarán ao alcalde o arranxo do parque infantil da Praza Maximino Canedo e a limpeza da fonte dos Canedos, en Vilaño.