O PSOE larachés pide facilitar o acceso das persoas desempregadas ao programa Harmoniza

PIXABAY

  • A nova ordenanza só contempla reducións da cota en función da situación sociofamiliar e o nivel de ingresos do fogar

O PSOE da Laracha presenta alegacións ao programa Harmoniza, promovido polo Concello para facilitar a conciliación persoal, laboral e familiar. O motivo das mesmas é que se volva a contemplar a situación laboral dos proxenitores na ordenanza reguladora da iniciativa. A actual, publicada o 31 de marzo deste ano, só contempla a posibilidade de aplicarlle unha cota reducida ás persoas solicitantes en base á súa situación sociofamiliar e ao nivel de ingresos do fogar, cando a situación laboral dos pais era un baremo que si contemplaba na ordenanza orixinal do ano 2017. Os socialistas consideran que a supresión deste criterio é «un erro» e xa presentaron un documento de alegacións encamiñado a facilitar o acceso de todas familias aos servizos do programa municipal de conciliación.

De acordo coa ordenanza actual, as persoas solicitantes poden aspirar, como máximo, a unha redución do 50% das cotas. Para conseguilo, teñen que sumar máis de dez puntos nun baremo no que se ten en conta que se trate de mulleres vítimas de violencia de xénero, familias monoparentais ou que haxa dúas ou máis crianzas usuarias no mesmo núcleo familiar, entre outras circunstancias. A proposta socialista inclúe, a maiores, outro criterio baseado na situación laboral, que outorgaría ata cinco puntos ás familias cos dous proxenitores en situación de desemprego sen prestación económica.

O goberno local (PP), pola súa parte, destaca que a ordenanza continúa en exposición pública e que na mesma se priorizan como beneficiarias as persoas con emprego xa que, por norma xeral, son as que demandan máis a necesidade de conciliación. Os populares reiteran que «en ningún caso se descarta o acceso ao servizo de ningunha persoa, sexa cal sexa a súa situación económica, social ou laboral».