O PSOE larachés pide reforzar o investimento en cultura, educación e medio ambiente

Biblioteca_PIXABAY

  • A portavoz da formación, Palomi Rodríguez Castiñeira, denuncia que «non se contempla ningún proxecto transformador para A Laracha»

O próximo 7 de xaneiro o goberno da Laracha levará a un pleno extraordinario a súa proposta dos orzamentos para este ano 2022. Unhas contas que, en opinión da portavoz do PSdeG-PSOE na localidade, Palomi Rodríguez Castiñeira, «non ofrecen respostas ás necesidades reais da veciñanza» nin contemplan «ningún proxecto transformador para A Laracha».

Así, o grupo socialista presentou unha serie de emendas parciais encamiñadas a «reforzar o investimento en Medio Ambiente, Cultura e Educación, entre outras áreas». Propoñen, por exemplo, crear unha liña de axudas para mellorar os puntos de recollida de plásticos nas explotacións agro-gandeiras, así como introducir unha nova partida destinada á limpeza de fincas abandonadas para a prevención de incendios forestais.

Por outra banda, a formación local do PSOE defende a necesidade de «facer partícipe ao tecido social do proceso de elaboración das contas municipais», por iso consideran importante a creación do programa piloto de orzamentos participativos “A Laracha Veciñal”.

Outras propostas pasan por poñer en marcha un estudo diagnóstico da dinamización do comercio de proximidade e da hostalería, ampliar o horario das Bibliotecas Municipais coa contratación dunha nova auxiliar ou duplicar o investimento previsto para a reparación e mantemento dos centros de educación infantil e primaria.