O PSOE larachés pregunta sobre a sinalización dos novos límites de velocidade urbana

DGT

  • Non se pode circular a máis de 30 km/h nas vías dun só carril por sentido, nin tampouco a máis de 20 km/h nas vías de plataforma única

Un mes atrás, o 11 de maio, entrou en vigor a nova normativa sobre os límites de velocidade en vías urbanas. Desde o PSOE larachés sinalan que a pesar de ver pintadas relativas á normativa actual como na rúa Arxentina ou Manuel Fraga Iribarne, a sinalización vertical «é máis visible que a horizontal e ten preferencia sobre esta».

No Concello da Laracha as regulacións de velocidade son aplicables nos tres núcleos urbanos, tal e como marca a Dirección Xeral de Tráfico no marco da iniciativa Cidades30. Esta indica que non se poderá circular a máis de 30 km/h nas vías dun só carril por sentido; nin tampouco a máis de 20 km/h nas vías de plataforma única (nas que non hai diferenza de altura
entre a calzada e a beirarrúa). Entre as excepcións nas que se poderá seguir circulando a 50km/h, por tratarse de vías urbanas, atópanse a Avenida Fisterra, Caión e Doutor López Astray, e a rúa Santa Lucía (A Laracha); a Avenida Bergantiños e as rúas Porta Santa e Eduardo Pondal (en Paiosaco); e a Avenida da Laracha (Caión).

A portavoz do PSOE larachés, María Palomi Rodríguez Castiñeira, rexistrou varias preguntas para que o Goberno local explique que cantidade de sinais mercou para adaptarse á nova situación, que cronograma ten previsto para a substitución e adecuación á normativa actual, se poñerá en marcha unha campaña de información e sensibilización ou se adoptará o criterio de sinalizar a 20km/hora os viarios próximos a todos os centros educativos.