- A iniciativa desenvolveríase o día 8 de cada mes desde marzo a outubro
O PSOE da Laracha quere estender a celebración do Día Internacional da Muller máis alá do 8 de marzo. Por este motivo presentará, no próximo pleno, unha moción para poñer en marcha un programa anual de actividades encamiñado a promover a igualdade no eido da produción cultural. A portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Palomi Rodríguez Castiñeira, lembra que «o Concello debe tomar medidas non só para promover a produción cultural entre a veciñanza, senón para garantir a presenza equilibrada de homes e mulleres na oferta cultural pública».
A proposta socialista contempla a creación dun ciclo de oito actividades gratuítas o día 8 de cada mes durante os meses de marzo a outubro. A programación incluiría diferentes disciplinas culturais como o teatro, a literatura, a pintura, a escultura a arte ou o cinema, entre outras. O obxectivo destas actividades é outorgar unha maior visibilidade á obra das mulleres creadoras da Laracha contribuíndo ademais a «sacar á luz novos talentos», sinalou Rodríguez Castiñeira.
A portavoz do PSOE tamén anima ao goberno municipal a buscar a colaboración da Universidade da Coruña e outras institucións públicas para sacar adiante este proxecto.