O PSOE leva ao Parlamento a construción dunha residencia de maiores en Ponteceso

2 minutes read

O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, e o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, acordaron presentar no Parlamento unha batería de iniciativas para reclamarlle á Consellería de Política Social que constrúa unha residencia de maiores en Ponteceso. Álvarez e García mantiveron unha xuntanza no Parlamento para pechar esta demanda fundamental para a cidadanía que será presentada na Cámara autonómica.

O responsable socialista reclámalle á Xunta que acceda á demanda do Concello de Ponteceso para construír a residencia na parcela ofrecida polo alcalde, “e así contribuír a mellorar as condicións de vida das persoas maiores de Ponteceso, así como das súas familias”, ao tempo que colaboran no marco de acción do Plan de impulso demográfico de Galicia para afianzar poboación.

Os socialistas galegos reclámanlle á Consellería que asuma en Ponteceso o mesmo compromiso que acadou cos concellos de Santa Comba e Ribeira para construír infraestruturas para os maiores. O concello ten unha poboación de 5.500 habitantes, máis de 1.700 por enriba dos 65 anos, o 32 por cento da poboación. O Concello de Malpica ten 1.750 maiores de 65, Laxe, máis de 900, Cabana de Bergantiños, máis de 1.400, e Coristanco supera os 1.900 maiores.

A única infraestrutura da zona para as persoas maiores é o centro de día de Cabana de Bergantiños, polo que os socialistas galegos consideran “imprescindible que as veciñas e os veciños de Ponteceso e do oeste de Bergantiños conten cunha residencia de maiores que evite o éxodo dos habitantes cara outros núcleos de poboación”.

O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, ofreceulle á Consellería de Política Social unha parcela de 4.600 metros cadrados propiedade do Concello para construír esta infraestruturas, que foi ofrecida na última xuntanza do Consorcio Galego de Servizos Sociais. Malia que daquela o goberno galego declinou a oferta, o alcalde impulsou a iniciativa parlamentaria diante do agravio comparativo cos concellos de Ribeira e Santa Comba, que si disporán da infraestrutura.