- Destacan que varias intervencións de saneamento e pavimentación de «primeira necesidade» poderían estar xa concluídas
A formación do PSOE en Malpica emitiu un comunicado onde fai un balance da actual situación do municipio asegurando que a «situación do municipio sería ben distinta» se en novembro do pasado ano se aprobara unha comisión urxente plantexada polos socialistas para analizar e poñer en marcha «iniciativas e intervencións importantísimas nunha época cunha situación económica e sanitaria gravísima no municipio e no resto do mundo».
Os socialistas destacan que o obxectivo desta comisión era activar «por petición expresa e directa da veciñanza» varias propostas que se financiarían cun suplemento de crédito con cargo ao remanente de tesourería do ano anterior. Case 720.000 euros dun remanente que ascendía a máis de dous millóns de euros e que «podía supoñer un importante empuxón para moitas familias malpicás». Sen embargo, desde o PSOE sinalan que a actitude do PP e do concelleiro non adscrito, Alfredo Cañizo, propiciaron que ningunha das propostas saíra adiante. Destacan, a nivel comercio, unha campaña de reactivación realizada en moitos municipios de toda Galicia como entregar tarxetas de 30 euros para consumir nos establecementos locais. Xa dentro dun programa de actuacións urbanísticas, tampouco se debateu completar un paquete de obras que incluía a pavimentación do camiño de Camposa a Buño, a reforma do centro cultural de As Pozacas ou a renovación do parque infantil Xaquín Rodríguez Otero na rúa Xaviña de Buño. Finalmente a estes proxectos déuselles luz verde ao ser incluídos no POS da Deputación da Coruña.
«Todas son actuacións que hoxe, a decembro do 2021, poderían estar xa concluídas e ofrecendo un servizo a veciños e veciñas que de verdade o precisan», afirman desde o PSOE malpicán, facendo fincapé en dous proxectos máis incluídos na proposta socialista como a pavimentación e saneamento en Santiso así como o saneamento, a rede de pluviais e pavimentacións en Beo, intervencións «fundamentais e de primeira necesidade en parroquias que a día de hoxe están abandonadas por unha executiva que desoe ao pobo».