O PSOE presentou este domingo dous escritos ante o Tribunal Constitucional (TC) para tentar frear que este órgano admita o recurso de amparo que o Partido Popular rexistrou o pasado venres co que pretende que as Cortes non voten as emendas que buscan facilitar a renovación do propio órgano de garantías, e alega que parar a reforma vulnera dereitos dos cidadáns. Os socialistas consideran que «a admisión dunha medida cautelar que eventualmente produza a suspensión do procedemento parlamentario» impide que o conxunto dos deputados e senadores «exerzan lexitimamente as súas funcións parlamentarias, como representantes dos cidadáns, nos que reside a soberanía popular». Por ese motivo, segundo afirma o texto, vulneraríase «indirectamente» o dereito da cidadanía para participar nos asuntos públicos a través dos seus representantes. «Unha inxerencia do Tribunal Constitucional desta natureza colocaría ao intérprete supremo da Constitución nunha posición que non lle corresponde», engade o escrito.