O secretario provincial do PSdeG-PSOE da provincia da Coruña, Bernardo Fernández, vén de convocar para o xoves 29 de xaneiro o Consello de Alcaldes e Alcaldesas, órgano que reúne aos rexedores e rexedoras socialistas da provincia, co obxectivo de analizar o impacto económico que está a ter nos concellos o actual modelo de financiamento autonómico e a asunción de competencias sen dotación suficiente.
Segundo sinalan dende o PSdeG-PSOE provincial, a Xunta de Galicia estaría trasladando ás administracións locais responsabilidades propias da administración autonómica, como o mantemento, conserxería e limpeza dos centros educativos ou o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), «obrigando aos concellos a asumir un gasto que non lles corresponde e que compromete gravemente a súa sustentabilidade financeira».
O partido advirte de que esta situación afecta especialmente aos concellos pequenos e medianos, con menor capacidade económica, que deben destinar unha parte crecente dos seus recursos a servizos que, segundo indican, deberían estar plenamente cubertos pola Xunta.
Neste sentido, Bernardo Fernández afirmou que «falamos dun modelo de financiamento totalmente inxusto, no que a Xunta reparte a maioría dos recursos destinados aos concellos de forma partidista e nada transparente, sen criterios obxectivos, con convocatorias de concorrencia non competitiva, ao tempo que se desentende das súas obrigas, pero esixe aos concellos que garantan servizos esenciais sen poñer enriba da mesa os cartos necesarios».
O Consello de Alcaldes e Alcaldesas abordará tamén a situación do Fondo Galego de Cooperación Local. Os socialistas lembran que o fondo base, que é o «único mecanismo de reparto con criterios obxectivos», permanece conxelado desde hai máis de dez anos, malia o incremento dos custos e das obrigas asumidas polos concellos. «É absolutamente inxustificable que a Xunta presuma de boa situación económica mentres mantén paralizado un fondo clave para a autonomía local. Esa conxelación é outro xeito de afogar economicamente aos concellos», engadiu Fernández.
Batería de medidas en defensa da autonomía local
A reunión servirá para compartir diagnósticos, avaliar o impacto real desta situación nos distintos municipios da provincia e definir unha batería de medidas orientadas a defender a autonomía local, reclamar un financiamento xusto e esixir que cada administración asuma as súas competencias coa correspondente cobertura económica.
Dende o PSdeG-PSOE da provincia da Coruña reclámase á Xunta de Galicia que «poña fin á deriva actual, asuma plenamente as súas responsabilidades, actualice e implemente de maneira urxente os mecanismos de financiamento local, para evitar que os concellos sigan sufrindo un afogo económico que pon en risco a calidade dos servizos públicos municipais que reciben os veciños e veciñas».
O secretario provincial rematou explicando que «no que á financiación local se refire, pedímoslle ao presidente Rueda que dé exemplo e aplique aquí en Galicia os mesmos criterios de reparto de recursos públicos que esixe ao Estado, que non son outros que os de igualdade, transparencia e obxectividade.»