Desde o PSOE de Vimianzo afirman coñecer as necesidades da súa veciñanza e intentar atendelas todas, sendo o impulso ao deporte unha delas. A líder os socialistas vimianceses, Mónica Rodríguez, afirmaba que son “un municipio con atletas e equipos de alto nivel aos que sempre hai que apoiar e facilitarlles os recursos que están na nosa man, como o acondicionamento das instalacións deportivas”.
Precisamente, a mellora das infraestruturas deportivas é un dos obxectivos a cumprir para o PSOE durante os próximos catro anos de goberno, comezando cunha renovación integral do campo de fútbol municipal.
“O campo de fútbol de Vimianzo acolle gran cantidade de público durante case todo o ano, polo que é necesario telo en boas condicións”, sinala a actual rexedora. “Levaremos a cabo unha renovación tanto dos vestiarios como do céspede, que será artificial. Así, incrementaremos a seguridade e o benestar de todos os xogadores, porque todo inflúe”, subliña.
Ademais, o equipo socialista acometerá melloras nos polideportivos de Baíñas e Vimianzo. Neste último, renovárase recentemente a iluminación apostando por luces LED.
“Hai que ver máis aló nunha reforma. Por suposto, as obras cumprirán co seu fin primordial, que é mellorar a calidade de vida dos deportivas mentres pasan tempo nas instalacións municipais”, declara Mónica Rodríguez. “Sen embargo, non debemos esquecer que os cambios tamén serán favorables para a propia Administración local e, en definitiva, para a veciñanza, posto que con certas modificacións podemos aforrarlle gastos ás arcas municipais”, concluía a candidata socialista á reelección da Alcaldía.