O PSOE urxe á Xunta o desbloqueo da homologación do Camiños dos Faros

1 minutes read
  • O parlamentario Martín Seco critica que nos últimos 6 meses nin sequera se contactara cos alcaldes afectados

O socialista Martín Seco presentou este luns unha serie de iniciativas para reclamarlle á Xunta que cumpra co mandato parlamentario acordado en decembro do 2020 para desbloquear a homologación do Camiño dos Faros como ruta de gran percorrido –GR-. Lamenta que dende que foi aprobada a iniciativa «nin tan sequera teñen chamado aos alcaldes dos 9 concellos da Costa da Morte afectados».

Aquel acordo pedíalle á Xunta que tomara a iniciativa para convocar unha mesa de traballo multilateral coa participación da Deputación, os concellos, a Asociación de Turismo Costa da Morte –ATCM-, a Asociación Camiño dos Faros e a Federación Galega de Montañismo para desbloquear o proceso.

Seco lembra que o obxectivo da iniciativa era “conseguir a homologación e planificar o futuro dunha actividade que mobiliza ata 20.000 visitas anuais á Costa da Morte e Bergantiños”. Urxiu ao goberno galego a traballar para “salvar os escollos, principalmente medioambientais, coa titularidade das leiras ou a porcentaxe de asfalto que presenta a proposta, coas modificacións propostas pola propia Asociación Camiño dos Faros, promotora do proxecto”.