O PSOE de Vimianzo volveu amosar o seu rexeitamento ante a actitude do líder de Adiante Vimianzo, Manuel Antelo, tras coñecerse a sentenza do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal) en referencia ao proxecto de renovación do alumeado público. O Tacgal consideraba que os criterios de contratación do proxecto non estaban xustificados, tal e como presentara Antelo a través dun recurso, polo que o Concello deberá revisar os pregos.
Segundo os socialistas, desde Adiante Vimianzo afirman que o Tribunal anulou o prego de contratación do proxecto do IDAE, pero a realidade é que a resolución xudicial «en ningún momento valora a forma dos pregos, tan só a motivación da memoria».
A alcaldesa e líder do PSOE vimiancés, Mónica Rodríguez, destaca que o Tacgal «nin anula nin suspende o procemento de contratación», aínda que si que obriga a fundamentar os criterios de adxudicación do contrato deste proxecto, algo que dista «profundamente» da valoración de Adiante Vimianzo. «Manuel Antelo non posúe ningún documento que verifique que os pregos sexan ilegais», sinala a rexedora, polo que só está «facendo apoloxía do máis burdo populismo tendencioso e carente de toda obxectividade».
Para a resolución desta situación, o goberno municipal viuse na obriga de convocar un pleno extraordinario para este luns, 26 de abril, que suporá un gasto para as arcas da Administración local de máis de 800 euros. «Quen, polo tanto, está despilfarrando os cartos públicos? Quen está privando á veciñanza de Vimianzo dun proxecto beneficioso para todo o municipio?», preguntan os socialistas.
“A estas alturas xa non me parece estraño o proceder do señor Manuel Antelo», incidiu a alcaldesa, fiel defensora do traballo de todo o equipo de goberno, pero «estudaremos as accións pertinentes, porque cremos que se está a incorrer nun delito de inxurias e calumnias ante o noso traballo».