10N: O PSOE volveu a gañar as eleccións e o BNG recupera un escano no Congreso

1 minutes read

Desta vai!!, era o slogan do BNG en campaña, e foi, Néstor Rego será o deputado do Bloque pola Coruña e, segundo Ana Pontón, permitirá que Galicia «estea no centro da política» ao volver obter esta representación na Comunidade. Aínda que se prevía unha dura batalla con Vox por obter o último escano, o BNG obtívoo con comodidade, por máis de 8.000 votos.

A nivel Estado

O reconto das eleccións xerais deste domingo, escrutado o 99,86% dos votos, mantén ao PSOE en primeira posición cun respaldo do 28,00% e 120 escanos, tres menos que en abril, mentres que a segunda praza é para o PP co 20,81% e 87 deputados. En terceiro lugar aparece Vox, que chega aos 52 escanos e o 15,10%, mentres Unidas Podemos e as súas confluencias quedan con 35 escanos e o 12,84%. Ciudadanos cae respecto a abril ata os 10 escanos e só o 6,79%.

No Congreso tamén entra a coalición Máis País con Equo e Compromís con tres escanos, así como os independentistas cataláns da CUP con dous deputados. Estréase tamén Teruel Existe cun representante e volve, como dixemos, ao Congreso o BNG con outro. Repiten Navarra Suma con dous, o Partido Rexionalista de Cantabria (PRC) con un, e Coalición Canaria aparece con dous. Outras formacións con deputados son ERC, con trece escanos; Junts con oito; o PNV con sete e Bildu con cinco.