O Punto Limpo de Carballo recibiu máis de 3.000 electrodomésticos no 2021

Minipunto limpo_Concello de Carballo

  • Nos minipuntos limpos situados nas rúas Perú, Fomento e Vázquez de Parga incorporouse en xaneiro a recollida de cápsulas de café

Cada ano chegan ao Punto Limpo de Carballo máis de 100.000 quilos de residuos e milleiros de obxectos de todo tipo procedentes dos fogares carballeses. Nos últimos dous anos incrementouse considerablemente o volume de madeira e escombro, «quizais como consecuencia do auxe das reformas de vivendas», sinalan desde o Concello Entre o 2020 e o 2021 recolléronse 89.000 quilos de madeira e 70.000 de escombro, con cifras moi superiores en ámbolos casos ás habituais en anos anteriores.

Aínda que non se contabilizan por quilos, senón por unidades, tamén é moi destacable a cifra de electrodomésticos que pasaron polo Punto Limpo antes de ser enviados aos centros recicladores correspondentes. O ano pasado superáronse os 3.000 de distintos tipos, incluídos 158 frigoríficos e conxeladores e 533 televisores, que se acumulan por separado debido a que teñen a consideración de residuos perigosos e reciben un tratamento diferenciado.

O Concello de Carballo trata de facilitar á cidadanía a xestión de todos os materiais que, polas súas características, non poden depositarse nos colectores que hai nas rúas. Así, as instalacións do Punto Limpo, situadas no polígono industrial de Bértoa, están abertas os xoves e os sábados, de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas; pero tamén pode utilizar o punto limpo móbil, que consiste na recollida semanal dos residuos voluminosos nas illas de colectores previo aviso ao número de teléfono 981 754 917.

Para residuos especiais de pequeno tamaño tamén están dispoñibles tres minipuntos limpos situados nas rúas Perú, Fomento e Vázquez de Parga, nos que se depositaron o ano pasado máis de 30.000 unidades de luminarias de baixo consumo (1.125), CD e DVD (2.700), cartuchos de impresora (1.800), residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (8.000), teléfonos móbiles (840) e pilas e baterías de móbil (24.000). Desde xaneiro deste ano, os minipuntos limpos incorporan un depósito específico para as cápsulas de café, dado o aumento do seu consumo entre a poboación, en lugar do destinado a CD e DVD, que están en desuso.

A recollida de pilas tamén se leva a cabo en edificios públicos e establecementos comerciais. O Concello de Carballo ofrece a calquera empresa interesada a posibilidade de dispoñer dun colector específico. Só teñen que chamar ao 981754917 e facilitaráselles, de balde, un colector e un cartel identificativo. Cando o colector está cheo só hai que chamar á empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo para que pase a baleiralo.