O RCN de Sanxenxo, Numarsi e o doutor Josep Sirvent: Premios COGAMI 2022

1 minutes read

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade fixo entrega dos Premios COGAMI 2022, uns recoñecementos que homenaxean a aquelas institucións, empresas e persoas que traballan a favor da inclusión do grupo social das persoas con discapacidade, por involucrarse na creación dunha sociedade máis xusta. Coa volta á nova normalidade, nesta edición os premios foron entregados ante un aforo de preto de 250 persoas traballadoras da Organización, coincidindo coa celebración da xornada de Nadal.

Nesta entrega o Premio Iniciativa Institucional, que recoñece o apoio prestado polas entidades públicas e privadas ás persoas con discapacidade, recaeu no Real Club Náutico de Sanxenxo, pola contribución de achegar un deporte, como é o da navegación a vela, ás persoas con discapacidade.

O Premio ao labor empresarial, querecoñece a aquelas empresas que integran laboralmente a persoas con discapacidade, foi outorgado á empresa Numarsi, por ser exemplo de empresa inclusiva, que ofrece oportunidades laborais a persoas con discapacidade dende o ano 2017 a través da iniciativa Activa Social que forma parte de COGAMI Empresarial.

O Premio “Domingos Dosil” á traxectoria persoal 2022,recaeu no doutor Josep Sirvent Gómez, un galardón que recoñece o labor daquelas persoas que de xeito individual e desinteresado traballan por un mundo máis inclusivo, ademais de honrar a memoria do fundador de COGAMI.