O Rei Felipe VI apelou á esperanza e á unidade na Ofrenda ao Apóstolo


A familia real ao completo cumpriu coa tradición da Coroa de estar en Santiago no Ano Santo, nunha cerimonia especial porque a misa do Apóstolo volveu ao seu lugar tras dous anos celebrándose en san Martiño Pinario polas obras na catedral. Pero, coma o ano pasado, a pandemia presidiu a invocación. “Quero reiterar nesta Ofrenda o orgullo e respecto que, como español, sinto polo noso pobo; pola súa determinación para superar definitivamente esta situación”, afirmou Felipe VI, quen ademais fixo varias referencias á esperanza, a solidariedade e a unidade que inspiran, dixo, os valores xacobeos e simboliza o Apóstolo.