O reloxo forma parte desde fai 50 anos da paisaxe cotiá de Carballo ata o punto de pasar case inadvertido, pero detrás das súas agullas escóndense maquinaria, documentos e pequenas anécdotas que permiten percorrer unha parte da nosa historia contemporánea.
Coincidindo co 50º aniversario da súa instalación, o Concello de Carballo acondicionou a torre para incorporala ás rutas polo patrimonio invisible das Xornadas Carballo na Memoria e da Semana Europea da Mobilidade. Por primeira vez, este espazo, reservado ata agora unicamente ás visitas escolares, permitirá á veciñanza achegarse ao mecanismo que mantén en funcionamento o reloxo municipal. Onte celebrouse a primeira, con gran afluencia de público, e aínda que tamén incluíu o Arquivo Municipal, e unha interesantísima explicación do guía, Hadrián García, sobre a constitución do Concello de Carballo hai 190 anos, o reloxo foi, sen dúbida, o gran protagonista.
A documentación do Arquivo Municipal permite reconstruír con bastante precisión a historia do reloxo actual. O proceso para a súa instalación comezou en abril de 1975, cando o pleno acordou convocar o concurso para a súa adquisición. O prego esixía un reloxo electrónico con tres esferas, sonería de carrillón e iluminación interior, e fixaba en 600.000 pesetas o prezo máximo da adquisición, colocación e iluminación.
A futura instalación xa espertaba curiosidade daquela. En xuño de 1975, nunha entrevista ao alcalde Pastor Bazarra, unha das preguntas que lle formulaba o xornalista era precisamente cando se colocaría o reloxo da torre. Bazarra explicaba que xa se estaban recibindo as primeiras ofertas e mesmo ironizaba coa música que se podería conseguir dentro do orzamento dispoñible.
O concurso volveu anunciarse en xaneiro de 1976 mantendo as principais características: funcionamento electrónico, tres esferas, carrillón e iluminación. En xuño dese mesmo ano o alcalde anunciaba que a instalación fora contratada cunha empresa valenciana e que incorporaría un carrillón electrónico, inicialmente sen melodía pero preparado para poder engadila posteriormente.
Finalmente, o 11 de outubro de 1976 asinouse a acta de recepción provisional da instalación realizada por Salvador Manclús, casa valenciana especializada en reloxos de torre e campás. Esa data permite situar con exactitude o medio século que agora se conmemora.
Unha tecnoloxía sorprendente
O expediente municipal conserva tamén a factura do reloxo, que permite coñecer como funcionaba aquela instalación.
O corazón do sistema era un reloxo patrón de péndulo, situado na escaleira principal da casa do concello, que enviaba impulsos eléctricos ata un receptor instalado detrás das esferas. Desde alí transmitíase o movemento ás agullas das tres caras da torre. O sistema de sonería era igualmente complexo para a época: incluía un programador, cinco campás electrónicas, dous amplificadores de 40 vatios e catro altofalantes preparados para a intemperie. As esferas estaban iluminadas desde o interior.
As dimensións sorprenden aínda máis cando se accede á torre. As tres esferas miden máis de dous metros de diámetro e as agullas achéganse ao metro de lonxitude, unhas proporcións difíciles de percibir desde a Praza do Concello.
Co paso dos anos, porén, o sistema electromecánico comezou a dar problemas. O persoal municipal lembra unha etapa na que resultaba difícil manter o reloxo sincronizado e na que mesmo podía ocorrer que cada unha das tres esferas marcase unha hora diferente.
Cambiar para conservar
A comezos deste século produciuse unha segunda etapa na historia do reloxo. O nome Salvador Manclús-Valencia, aínda visible nas esferas, permitiu volver contactar coa empresa instaladora. E aínda que a documentación histórica da empresa valenciana se perdera nun incendio, o propio Salvador Manclús desprazouse ata Carballo e aínda lembraba a instalación, como lle comentou ao daquela concelleiro José Antonio Viña.
Tras analizar fotografías da maquinaria, propúxose modernizar o sistema sen eliminar os elementos históricos. No ano 2005 instalouse un motor máis moderno e compacto conectado ás transmisións existentes. Desde entón, un reloxo electrónico sincronizado mediante radiofrecuencia permite corrixir automaticamente posibles desviacións e realizar os cambios horarios, mentres se conservaron as transmisións, as agullas e a maquinaria orixinais.
O resultado permite contemplar hoxe, no mesmo recinto, distintas xeracións de tecnoloxía aplicadas a unha mesma función: facer que Carballo siga mirando cara á torre para saber a hora.
Un reloxo anterior que tamén sobreviviu
O tempo en Carballo ten un segundo protagonista. Antes do actual reloxo existiu o da antiga casa consistorial, o edificio municipal que precedeu á actual sede. A maquinaria e unha das súas campás consérvanse no Museo de Bergantiños, pero tamén pode coñecerse a súa historia no gran panel que vén de colocarse na torre da actual casa do concello. Deste xeito, visitas como a de onte permitirán establecer un diálogo entre dous reloxos e dúas casas consistoriais, e comprobar como algo tan cotián como medir e comunicar a hora tamén forma parte do patrimonio dunha vila.
A recuperación da torre encaixa plenamente no espírito das rutas polo patrimonio invisible, creadas para descubrir espazos, obxectos e historias que forman parte da memoria colectiva pero que habitualmente permanecen fóra da vista. No 2026, medio século despois da súa posta en funcionamento, o reloxo segue cumprindo a mesma misión coa que chegou a Carballo en 1976. Pero este ano, ademais de mirar cara a el para saber a hora, a veciñanza poderá subir ata a torre e descubrir todo o que se agocha detrás das súas agullas.

