O remanente positivo permiten a Carballido conxelar todas as taxas e impostos municipais

2 minutes read

Tras render a conta xeral de 2021 ao Consello de Contas, en prazo, cun aforro positivo nas arcas do Concello de 1.206.000 euros, o alcalde de Ponteceso decretou a conxelación por oitavo ano consecutivo de todas as taxas e impostos de competencia municipal para 2023.

«Collemos o Concello con 5,5 millóns de euros de débeda, pero anulamos o plan de axuste que impoñía subir os impostos oito anos consecutivos. Ao revés, con 2023 serán xa oito anos coas taxas conxeladas» expuxo o Alcalde de Ponteceso ao final da reunión do seu goberno. As cifras positivas de remanente de tesourería e o superávit de 2021, superior ao dez por cen dos ingresos, permiten ao Concello de Ponteceso levar a cabo esta medida.

Inflación acumulada do 40 por cento, impostos conxelados.

Especialmente se se ten en conta un IPC cercano ao dez por cen no último ano, trátase de incrementos no custe da vida dun corenta por cento en oito anos. «Coas taxas conxeladas, e os salarios públicos actualizándose nos oito últimos anos, conxelando todos os impostos falamos dunha auténtica milagre económica en Ponteceso, trátase de facer máis con menos» explicou o Alcalde.

O Concello segue a incrementar os servizos, sen custe adicional para os veciños e veciñas de Ponteceso

O traballo intenso na elaboración de listaxes de emprego permite ao Concello incrementar os servizos ao público, sen custe adicional para os veciños e veciñas de Ponteceso. «Acaba de incorporarse un Técnico de medio ambiente, e o luns que ven empezará unha traballadora social. Cubrimos a baixa do axente de emprego local, de auxiliares administrativas e temos en vigor bolsas de persoas varredoras, técnicas de turismo, técnicas de museos e grupo de emerxencias.»

A partida para emerxencia social, esgotada, suplementarase para seguir atendendo as persoas vulnerables.

A partida de emerxencia social, esgotada xa este ano pola grande cantidade de axudas concedidas, vaise suplementar esta semana para seguir dando resposta ás necesidades urxentes das persoas vulnerables. Ademais, o departamento de servizos sociais segue tramitando todas as axudas de renta de inserción social de Galicia, ingreso mínimo vital, bono social eléctrico e todas as axudas sociais dispoñibles do Estado e da Xunta de Galicia.