O retrato de Carlos Negreira incorpórase á galería de alcaldes do Concello da Coruña


O Pazo de María Pita suma desde este venres o retrato de Carlos Negreira, alcalde da Coruña entre 2011 e 2015, á súa galería de alcaldes. Como é tradición, o Concello solicitou a elaboración desta obra para a colección ubicada na primeira planta da Casa Consistorial, como aconteceu anteriormente co resto de rexedores, aos que se lles pretende render homenaxe polo seu labor á fronte do Goberno municipal.

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu en María Pita a Carlos Negreira, a quen lle agradeceu a súa dedicación durante os catro anos nos que foi alcalde. “A democracia é un constante exercicio de diálogo entre iguais, onde por suposto o roce acaba converténdose en cariño”, apuntou Rey, quen destacou que actos como este están por riba das lexítimas diferenzas ideolóxicas.