Carballo prepárase para acoller unha nova edición do Rexenera Fest, o Festival Internacional de Arte Pública, que se celebrará do 29 de maio ao 8 de xuño. A décimo primeira edición do evento volverá transformar as rúas da cidade nun espazo de creación compartida, coa participación de cinco artistas nacionais e internacionais que intervirán noutras tantas localizacións da vila.
Artistas convidadas do Rexenera Fest 2025
A artista galega Raquel Germade intervirá na rúa Rosalía de Castro, 14. O seu estilo experimental transita entre o deseño gráfico, a pintura abstracta e a ilustración, sempre á procura de novas maneiras de expresión. Baixo unha apariencia fauvista e, por veces, naif, aborda temáticas como o feminismo ou a consciencia ecolóxica, conectando así a estética co compromiso social.
Desde Sevilla chega Zesar Bahamonte, que realizará o seu mural na rúa Gran Vía, 154. Na súa obra, a forma e a cor son os piares do seu pensamento artístico. A través delas retrata a “xente que fai e deixa facer”, exaltando as relacións humanas –o amor, a amizade, a creación– como vías para reconectar coa nosa natureza e fuxir dun mundo crecente de frivolidade e virtualidade. As súas paletas vibrantes e formas libres dialogan sempre co contexto que as acolle.
A artista finlandesa Anetta Lukjanova deixará a súa pegada na rúa Begoñas, 50. O seu traballo mergúllase no realismo máxico contemporáneo, fundíndoo coa ilustración dixital e a xestualidade da pintura ao óleo clásica. Nas súas obras entrelázanse imaxes lentas e rápidas, creando unha tensión poética que convida á introspección.
Zane Prater, desde os Estados Unidos, intervirá na rúa Gran Vía, 95. A súa práctica combina debuxo, pintura, instalacións terrestres e murais a gran escala. Inspirado pola ilustración botánica e o deseño, Prater explora a nosa relación co mundo natural, tecendo pontes entre o urbano e o orgánico e propoñendo harmonías posibles entre ambos mundos.
Finalmente, Galleta María, artista valenciana residente en Barcelona, realizará a súa intervención na rúa Colombia, 16. Formada en Belas Artes e completando estudos en Bos Aires, traballa na confluencia entre deseño, ilustración, muralismo e arte urbano. O seu estilo destaca pola forte implicación con temáticas sociais, que incorpora ao seu discurso visual cunha estética fresca e directa.