O Club de Salvamento e Socorrismo Laracha asinou unha actuación de gran nivel no Trofeo Concello de Caldas celebrado esta pasada fin de semana 3 e 4 de xaneiro, unha cita histórica e de alta competitividade no calendario galego do salvamento e socorrismo. Como novidade o domingo día 4 celebráronse os primeiros xogos Alevíns, unha xornada non competitiva na que participaron os nosos alevís na súa iniciación deportiva centrada na convivencia e nos valores do deporte base.
A entidade larachesa pechou a competición o sábado 3 cun meritorio segundo posto na clasificación xeral por clubs, grazas á suma de puntos de todas as categorías —infantil, cadete, absoluta, júnior e máster—, nun claro exemplo de rendemento colectivo e solidez deportiva.
Cómpre salientar que, nas clasificacións por equipos, o SAL Laracha impúxose na sesión infantil-cadete da xornada da mañá, acadando a primeira posición grazas á excelente actuación colectiva nos relevos e nas probas individuais destas categorías. Este resultado confirma o gran nivel competitivo da canteira larachesa e o traballo continuado de formación que se desenvolve no club.
Dominio da canteira na xornada da mañá: primeiro posto infantil-cadete
A xornada matinal estivo marcada polo claro dominio do SAL Laracha nas categorías base, con múltiples podios nas probas de relevos e unha actuación coral que permitiu ao club liderar a clasificación infantil-cadete por equipos.
Un éxito colectivo
O primeiro posto infantil-cadete da mañá, o excelente rendemento individual e colectivo e a aportación decisiva das categorías superiores permitiron ao Club de Salvamento e Socorrismo Laracha acadar o segundo posto final por clubs no Trofeo Concello de Caldas, consolidando á entidade como unha referencia do salvamento e socorrismo galego e poñendo en valor o seu modelo de formación deportiva.