O SAL destaca no Campionato Galego de Piscina Cadete e Xuvenil en Caldas de Reis

1 minutes read

Tratouse dunha das citas máis importantes do calendario autonómico que reuniu ás mellores promesas do salvamento deportivo galego.

O Club Salvamento Acuático Laracha – SAL asinou unha actuación extraordinaria, consolidándose entre os clubs máis destacados da competición grazas ao altísimo nivel competitivo dos seus deportistas. Un resultado especialmente meritorio tendo en conta o tamaño do club, que demostra que o talento, o traballo e a dedicación de cada socorrista permiten competir e destacar fronte ás entidades máis grandes de Galicia.

A nivel global, o club acadou unha magnífica 3ª posición na clasificación xeral da categoría Cadete e unha 5ª posición na clasificación xeral da categoría Xuvenil, confirmando a solidez do proxecto deportivo.

Desde o Club Salvamento Acuático Laracha – SAL queren agradecer o esforzo de todos os deportistas, o traballo do equipo técnico e o apoio constante das familias, fundamentais para seguir medrando e acadando resultados tan destacados.