A 22ª edición de Xantar, o Salón internacional de turismo gastronómico que se celebrará en Ourense do 3 ao 7 de novembro para facer promoción dos produtos de calidade do agro e do mar de Galicia.
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, desenvolverá un amplo programa de actividades con ata 14 obradoiros e degustacións nos que se poderán coñecer e probar produtos galegos con Denominación de Orixe Protexida (DOP) e Indicación Xeográfica Protexida (IXP). É o caso do mel, as carnes (por primeira vez haberá unha degustación de vaca galega/boi galego), as augardentes, os produtos ecolóxicos, o pan, as patacas, os grelos, os queixos ou as castañas. Estes talleres serán impartidos por seis diferentes chefs de prestixio.
Os viños, as augardentes e os licores tradicionais de Galicia terán unha presenza destacada cun túnel de degustación de 168 m² no que poderán coñecerse as marcas gañadoras do concurso oficial Acios de Galicia e outras propostas enolóxicas da nosa comunidade.
Ademais, Medio Rural contará en Xantar cun espazo institucional de 36 m² onde se dará información aos asistentes sobre os produtos galegos e que contará cunha exposición deles. A maiores, un total de 14 empresas acompañarán neste evento á Consellería para expoñer e presentar os seus produtos, nun espazo expositivo de 84 m².
Pola súa banda, a Consellería do Mar acudirá a este certame cun posto de 48 m2 no que difundirá a calidade dos peixes e mariscos galegos coa campaña GALICIA SABE AMAR e organizará na Aula Mar de Xantar unha decena de degustacións.
A maiores, o venres 5 de novembro, coincidindo co día que esta feira dedica ao mar, celebraranse dous obradoiros das campañas Ti si que es un bo peixe e Fai clic ao teu bocata para a promoción do consumo de peixes e mariscos e de conservas entre o público infantil.
Obradoiros de Medio Rural
Os obradoiros programados pola Consellería do Medio Rural neste evento porán en valor, entre outros aspectos, a maridaxe entre os queixos con indicativo de calidade e a auga termal. Será o mércores, día 3, a través dun taller que será impartido polo chef Miguel González.
Obradoiros de Mar
A Consellería do Mar ten programadas dúas catas diarias entre o mércores 3 e o domingo 7 de novembro nas que os protagonistas serán produtos como o mexillón de Galicia, os peixes e mariscos da pesca artesanal amparados baixo o selo de calidade pescadeRías, produtos ecolóxicos, conservas, pescada do pincho, palometa negra, bonito do norte ou rodaballo.
As receitas destas degustacións serán elaboradas polos chefs Emma Pinal, do restaurante Gastrobar O Birrán (Rivadavia); Maica Couto, da Ostrería (Santiago de Compostela); Begoña Vázquez, do Regueiro da Cova (Verín); Alejandro Iglesias, do restaurante Cabanas (Lalín), e José Manuel Mallón, do espazo gastronómico Remollo (Ames).
