O Samaín volve á Laracha cun obradoiro infantil no museo de Golmar

1 minutes read
  • Será o próximo venres pola tarde e a inscrición é gratuíta cubrindo o formulario na web municipal

O Concello da Laracha volve organizar, como nos últimos anos, un obradoiro infantil con motivo da celebración do Samaín. Será o próximo venres 29, de 17:00 a 20:00 horas, no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte situado no Igrexario de Golmar.

Durante a xornada procederase ao acendido dunha cartela, á proxección de sombras na aula escura, ao baleirado de cabazas e á elaboración de colares con castañas entre outras actividades, destacando ademais un contacontos ao carón da lareira no museo.

O obradoiro de Samaín vai dirixido a rapaces de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos e que estean empadronados na localidade da Laracha. As prazas son limitadas e outorgaranse por orde de inscrición cubrindo de balde o formulario que se atopa na web municipal.