O secretario de Estado de Turismo visitou a comarca do Eume


O Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, visitou a comarca do Eume co obxectivo de coñecer, de primeira man, os proxectos turísticos que se están a desenvolver nas Pontes e na comarca do Eume e cos que se aspira a formar parte dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos, promovidos polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Estivo acompañado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, nun percorrido que comezou cunha visita ao lago das Pontes onde coñeceu ás principais fortalezas turísticas do municipio, tanto no ámbito do turismo de deporte, familiar e medio ambiental, así como algúns detalles das propostas dirixidas a converter ao Eume nun destino turístico de referencia.

Entre as accións propostas, co obxectivo de mellorar e poñer en valor a oferta turística, destacan a creación de diversas áreas de caravanas, a creación dunha ruta de miradores do Eume, a posta en marcha dun novo servizo de bicicletas eléctricas, instalación de bungalows flotantes no lago Pontes, a preparación dunha exposición itinerante dos restos arqueolóxicos deste municipio ou dunha ruta cultural sobre os mosteiros da comarca e da familia Andrade.

Ademais propóñense melloras nos accesos ao Parque Natural Fragas do Eume por A Capela, o acondicionamento do mirador da Carboeira e do situado na parroquia de Soarrea no concello de Cabanas e a implantación de solucións tecnolóxicas turísticas no Castelo de Nogueirosa, no Lago das Pontes e nos Mosteiros de Caaveiro, Monfero e a Capela, entre outras cuestións.

Tras visitar o lago das Pontes, desprazáronse ata o Concello de Cabanas para coñecer a súa praia e piñeiral. O percorrido continuou cunha visita ao casco histórico de Pontedeume para a continuación desprazarse ata o Mosteiro de Caaveiro, finalizando a visita cun pequeno paseo pola Fragas do Eume.

Unha visita, que en palabras do Secretario de Estado de Turismo “significa apostar polo futuro do turismo en España e, en concreto, do turismo en Galicia e na comarca do Eume.