Ao longo dos últimos días as redes sociais galegas están a se inzar de publicacións co cancelo común #NonNosCanceles. Profesionais dos máis diversos ámbitos culturais, a incluír proxectos musicais, escénicos, audiovisuais, técnico de diferentes áreas, responsables de programación ou promoción reivindícanse a sinalar «eu tamén son traballador/a da cultura». Nas mesmas, chámase con esa etiqueta a manter contratacións e a amortecer o impacto do sector na actual crise sanitaria, trasladando as datas das programacións previstas neste período no canto de as cancelar.
Moitas das publicacións recollen tamén un texto co título «O noso futuro non pode ser cancelado» no que se sinala que «a cultura, no seu sentido máis amplo, tece as nosas vidas, as nosas emocións, a nosa identidade, o noso futuro. Todas as artes están agora mesmo sufrindo na súa pel a cancelación de toda actividade. O sector cultural galego reclama o coidado, o acompañamento e comprensión do público que o aplaude e das administracións que deben servir para axudar a soportar un golpe desta magnitude.