O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza por videoconferencia co alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé. No encontro, analizáronse distintas medidas para impulsar o sector da pataca, de vital importancia para este municipio.
Así, o conselleiro aproveitou a reunión telemática para trasladarlle ao rexedor a intención de implicar ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte na elaboración dun Plan estratéxico para potenciar a produción do tubérculo na zona, ao abeiro da IXP Pataca de Galicia. Deste xeito, a finalidade é abordar un estudo de mercado para avaliar as distintas posibilidades existentes para darlle un pulo a este cultivo.
Co obxectivo de ir máis aló e ampliar a superficie desta e outras producións no concello de Coristanco, no encontro tamén se analizaron os distintos instrumentos de mobilización de terras que terán especial implantación tras a aprobación da futura Lei de recuperación da terra agraria. Así, falouse das vantaxes que ofrecen os polígonos agroforestais, pero tamén de mecanismos como as agrupacións de xestión conxunta.