O sector das festas recibe o apoio do PSdeG e acusa á Xunta de ignorar as súas demandas

1 minutes read

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e a voceira de Comercio do Grupo Socialista, Leticia Gallego, mantiveron unha xuntanza con José Veiga, presidente da asociación de Servizos de Festas de Galicia (SERFEGA), para abordar as inquedanzas do sector. Caballero cualificou o papel do sector das festas en Galicia como “moi importante para a economía de moitas familias”, polo que, “mentres non se lles permite ter actividade, hai que poñer fondos nas súas mans” porque “teñen que sobrevivir eles, os seus empregados e as súas familias”. “Teñen que chegar a fin de mes”, subliñou.

Pola súa banda, José Veiga, tachou aos representantes da Xunta de Galicia de «ignorantes» no tocante ao sector e as súas demandas, ademais de mentirlles en sede parlamentaria, asegurando que poden traballar e que teñen axudas, «cando non é certo». Veiga adelantou que este 24 de xullo se manifestarán en Compostela, desde a Praza de Galicia, para que o seu sector «sexa escoitado». Ademais de pedir unha xuntanza co presidente Feijóo e co vicepresidente Rueda, para que escoiten as súas demandas.

“Queremos protocolos. Prometérono, pero non o fan, e non se nos permite traballar cos protocolos do ocio nocturno”, lamentou. “A Xunta ten un protocolo antifestas”, sentenciou, crítico tamén con que a Xunta está poñendo “trabas aos concellos” para celebrar festas. Veiga pediu “axudas” que permitan paliar a inactividade no sector. “Vólcanse moito no Xacobeo, pero as festas están en cada recuncho de Galicia”, matizou.

Gonzalo Caballero concluíu afirmando que “cando estamos nunha gran crise, a administración autonómica non lle pode dar ás costas aos sectores mais afectados”. “Ten que reunirse con eles, establecer protocolos para que, cando se dean as circunstancias sanitarias oportunas, se poidan desenvolver os eventos con todas as garantías”, reivindicou.