Os traballadores do metal da provincia de Pontevedra foron chamados a secundar tres xornadas de folga os días 15, 20 e 22 de xuño.
Os sindicatos CIG, CCOO e UXT denuncian que “non hai ningún avance” que permita albiscar a posibilidade de chegar a un acordo sobre o convenio antes do verán.
A patronal insiste nun incremento salarial para os tres anos de duración do convenio que supoña unha suba do 0,5 % o primeiro ano, o 2,5 % o segundo e outro 2,5 % no último. Algo que os sindicatos consideran “ridículo”.
“Apostamos por adaptar o convenio aos novos tempos, seguindo a liña que se marcou na Coruña, Ourense e Lugo”, dixo nun comunicado o secretario comarcal de CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández.
Dende as organizacións sindicais califican as propostas da patronal de “insultantes” e presionan para que se acade un acordo antes do verán que atalle unha situación “moi dura, tras varios anos co IPC disparado”.