- Melloras que afectarán aos usuarios e tamén aos profesionais.
- Entre as cuestións abordadas destacou o sistema de gardas.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, mantivo este venres unha reunión no Concello cos profesionais do sector do taxi. Na xuntanza, á que estiveron convidados todos os titulares de licencias municipais, tratáronse cuestións relativas ao funcionamento do servizo e expuxéronse ideas para melloralo, tanto en beneficio dos usuarios como dos propios profesionais. Entre os temas abordados cabe salientar o sistema de gardas.
No encontro tamén se puxo de manifesto a satisfacción do sector polo resultado do proxecto executado recentemente polo Concello e que supuxo a completa transformación da parada da Laracha. Incluíu tanto a renovación e reorganización da zona de espera dos vehículos como a creación da nova marquesiña na Praza do Concello que está a disposición dos taxistas.