O sector do taxi recibe case 300.000 euros da Xunta para a compra de vehículos de baixas emisións

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada do director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro; do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; o presidente da Federación Galega do Taxi, Manuel Sánchez Quindimil, e representantes da xunta directiva da entidade_ Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

  • O Goberno galego amplía en 290.000 euros as axudas para fomentar unha mobilidade máis sostible

A Xunta fomenta a mobilidade sostible no taxi destinando este ano máis de 1,2 millóns de euros á compra de vehículos adaptados e de baixas emisións tras ampliar as axudas en 290.000 euros. Esta ampliación de crédito súmase ás outras axudas promulgadas polo Goberno galego desde o mes de xaneiro, cando a Xunta lanzara unha primeira convocatoria dotada con 350.000 euros.

Así o explicou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nunha reunión entre o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; o presidente da Federación Galega do Taxi, Manuel Sánchez Quindimil, e representantes da entidade.

Con esta iniciativa a Xunta amplía as axudas para mercar taxis adaptados á mobilidade reducida ou coches eléctricos, híbridos ou de gas, tal como se publicou este mércores no Diario Oficial de Galicia. Vázquez explicou que se trata de axudas de ata 4.000 euros para o caso dos taxis de baixas emisións, de ata 6.000 euros para vehículos emisións cero e de ata 10.000 euros para eurotaxis.