O sector do viño poderá levar os seus rexistros de maneira telemática

1 minutes read

A Xunta facilita ao sector do viño a posibilidade de levar os seus rexistros de xeito telemático mediante a aplicación informática Acios (Aplicación Contabilidade Integral Oficial), á que se pode acceder a través da Oficina Virtual de Medio Rural. Con esta ferramenta voluntaria que se pode solicitar en calquera momento contribúese, ademais, ao cumprimento da normativa europea, que establece que as persoas que manexen produtos deste eido teñen a obriga de levar rexistros, entre outros, das súas entradas e saídas.

Coa ferramenta Acios compleméntase o proceso de modernización tecnolóxica que levan protagonizando nos últimos anos as adegas da nosa comunidade, tanto nos seus procesos produtivos como na súa xestión administrativa. Así, a Xunta desenvolveu esta aplicación informática para facilitarlle ao sector a levanza dixital dos rexistros vitivinícolas, coñecidos habitualmente como Libros Rexistro.

Esta aplicación tamén facilitará en próximas versións a importación de datos dende as aplicacións propias de contabilidade das adegas, o tratamento de información para a realización de varias declaracións vitivinícolas (Infovi -sistema de información vitivinícola do Ministerio de Agricultura-, declaracións Fogga), así como a xestión de datos de provedores e confección dos contratos de compra-venda de uva. Tamén permitirá o cálculo de balances dos distintos produtos vitivinícolas que elaboren as empresas.