O sector inmobiliario crece en Carballo rexistrando 27 solicitudes de vivenda no que vai de ano

Obras del futuro edificio en la calle Brasil_Ayuntamiento de Carballo

  • Once delas corresponden a un único edificio que se situará na rúa Perú

Durante o primeiro semestre deste ano 2021 presentáronse no Rexistro Municipal de Carballo solicitudes de licenza para a construción dun total de 27 vivendas, 11 delas correspondentes a un único edificio que se situará na rúa Perú. Será o segundo que se constrúe no concello de Carballo dende o ano 2008, cando pinchou a burbulla inmobiliaria. O primeiro, situado entre as rúas Nicaragua, Costa Rica e Brasil, xa está en obras.

Tal como figura na licenza aprobada no seu momento, o inmoble da rúa Brasil terá unha superficie total construída de 3.176 metros e o orzamento de execución material ascende a 1.671.732,92 euros. Ademais da construción do edificio, o promotor asume a urbanización dos terreos e cede ao Concello de Carballo unha superficie de 40 metros cadrados para a regularización do viario público.

O sector da construción de vivendas continúa padecendo os efectos do boom inmobiliario da primeira década dos 2000. No municipio carballés o récord acadouse no ano 2006, no que se tramitaron solicitudes para 1.138 vivendas. A cifra caeu en picado a partir do 2008, tocando fondo nos anos 2013 e 2014 con só 6 vivendas cada ano. Dende o ano 2009, a práctica totalidade das licenzas solicitadas foron para casas unifamiliares.

No 2018 presentouse a primeira solicitude para a construción dun edificio de pisos, en concreto o situado entre as rúas Nicaragua, Costa Rica e Brasil. A licenza foi aprobada pola Xunta de Goberno Local a finais de xaneiro do 2019 e as obras comezaron hai unhas semanas.