O alcalde de Malpica, Walter Pardo, os concelleiros Alfredo Cañizo e Leticia Naya, recibiron a visita do Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, onde participaron nunha reunión co sector pesqueiro da vila, para interesarse polos problemas que lles afectan.
Na Confraría, reuníronse co patrón maior, Pedro Pérez, e representantes do sector pesqueiro malpicán, que lles trasladaron a súa demanda dunhas “cotas de pesca xustas que permitan que as empresas do sector sexan sostibles”.
Os armadores dos barcos do cerco e do día, que xestionan empresas familiares e traballan nos seus propios barcos, consideraron que as cuotas actuais “son insuficientes para manter a flota e o emprego que xera” e explicaron que a división de Galicia en dúas zonas de pesca (a VIII ata a Fisterra e a IX de Fisterra cara o sur) crea importantes diferencias cos topes de capturas dentro da comunidade.
Os armadores e patróns trasladaron tamén a súa petición histórica de que se baixe o IVE ao 4% “a un sector que se demostrou esencial nesta crise, pois a flota apenas parou”.
Aínda que a Deputación non ten competencias en materia de pesca, González Formoso agradeceu as explicacións dos representantes do sector pesqueiro, considerou razoables as súas peticións e expresou a súa preocupación polos “corsés e limitacións” que poñen as distintas administracións competentes , que “non se adaptan á fotografía que nos traslada o sector” e que supoñen atrancos para facer rendible “unha actividade da que viven centos de familias en Malpica e en Galicia”.