O segundo martelo do porto de Burela mellorará o abrigo e a súa operatividade

1 minutes read

As obras que están en execución consisten na ampliación do muro actual do peirao nuns 8 metros na dirección existente, sobre a base da infraestrutura actual e na prolongación do conxunto do espigón nuns 50 metros máis cunha aliñación que forme 120 graos coa actual. Deste xeito, esta nova infraestrutura terá un peirao de 5 metros de calado e cantil de 5,60 m protexido pola parte exterior con mantos de enrochado de cantos de máis de 2.000 Kg e unha explanada superior de 12 metros de anchura entre berma e cantil.

Ademais esta obra equipará ao peirao con escadas metálicas en aceiro inoxidable, defensas, bolardos de 50t e bitas de 65 quilos, instalacións de auga e electricidade, iluminación e varandas de aceiro galvanizado.

A estas obras do segundo martelo súmanse as da mellora da nave de redes, que saíron a licitación cun orzamento de máis de 287.000 euros e que están en fase de contratación. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou as obras, a onde a súa consellería destina máis dun millón de euros.