O Sendeiro de Saldoiro de Caión obtén de novo o distintivo ‘Sendero Azul’

O tramo do paseo marítimo de Caión comprendido entre a praza Eduardo Vila Fano e o arroio Figueirido, o Sendeiro de Saldoiro, volverá lucir un ano máis a bandeira Sendero Azul, o distintivo que concede a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). Trátase do décimo terceiro ano consecutivo no que recibe este recoñecemento ambiental.

O xurado do programa Senderos Azules vén de facer públicos os galardóns correspondentes a 2026, no que se concederon 194 distintivos en toda España. Galicia suma 72 sendeiros recoñecidos pertencentes a 33 municipios, dos cales 9 están situados na provincia da Coruña.

ADEAC recoñece así o valor ambiental, paisaxístico e educativo do itinerario caionés, un percorrido litoral de 1,5 quilómetros que bordea a costa desde a praza Eduardo Vila Fano ata o arroio Figueirido, consolidado como un espazo de referencia tanto para acceder a pé ao areal como para a interpretación do medio natural, a práctica da actividade física e o lecer ao aire libre.

A obtención do Sendero Azul supón un importante aval ao traballo continuado do Concello na conservación e posta en valor do entorno costeiro. Ese espazo mantense en permanente seguimento e coidado ao longo de todo o ano, intensificándose as tarefas de mantemento e acondicionamento coa chegada da primavera, coincidindo co incremento de visitantes e a actividade turística.

Desde o punto de vista institucional, renovar o Sendero Azul constitúe un dobre recoñecemento: por unha banda, avala o compromiso municipal coa protección ambiental e a xestión sostible do litoral; pola outra, reforza a proxección turística de Caión como destino vinculado á natureza, á calidade paisaxística e á actividade ao aire libre. Nun contexto no que o turismo responsable gaña peso, contar cun distintivo estatal consolidado convértese nun elemento diferenciador e nun selo de confianza para visitantes e usuarios.

O acto oficial de entrega das bandeiras terá lugar o vindeiro 6 de marzo no Castelo de Cullera, en Valencia, onde se reunirán representantes dos municipios distinguidos, entre eles A Laracha.

Ademais, o Concello presentou novamente ante ADEAC as candidaturas para que a praia de Caión revalide este verán a Bandera Azul e para que o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar manteña o distintivo de Centro Azul de educación ambiental co obxectivo de continuar consolidando o municipio como referente en calidade ambiental e servizos ligados ao litoral.

Related posts

De Vacas actuará en Carballo o 7 de marzo dentro da conmemoración do 8M

CCA Carballo pechará este domingo a campaña “Namórate do teu comercio” cun xogo de Cupido

Malpica rende homenaxe a Rosalía entre caldo, cantos e libros